jueves, 23 de noviembre de 2006

hab. 111


durmín coa boca aberta. toda a noite. agardando. así sucesivamente a excepción do atrezzo que muda (segundo o silencio). soño con alguén que me mata (noite de reis) e esperto untada dun sangue que non é meu nin teu nin vermello. no canto de facelo na fiestra, petan o vento e a chuvia na porta do cuarto, por onde deixaches de entrar. trisca a madeira -vai vella-, por iso prefires durmir de hotel, de prestado.

deberías saber:
o teu cuarto está no meu peito.

lunes, 20 de noviembre de 2006

aviso a navegantes

non o busques aquí, non o teño escrito

martes, 31 de octubre de 2006

dáme o corpo


a penitencia durará o que ti determines que debes tensar a corda
namentres tires do cabo do mundo hanche seguir vindo á boca as ondas de todos os mares.
nada garante o contrario.


en canto afrouxes:
escudriñarás entre todas as espigas debullando no gran,
moendo fariña de trigo das searas.
por menos que o intentes, as fotografías licuarán mel, neve, caña de herbas.
baixarás á escollera sen poñerte a salvo dos cristais, expoñendo a lañar o único que te fai libre, ben sabes.
as eivas collerán forma, correralles o sangue por dentro, por fóra vestirán de pel.

poderás mirar,
sen necesidade de teres que usar lentes para ver ao lonxe.

martes, 24 de octubre de 2006

pasos

miráronse aos pés buscando resposta a aquel andar estraño. dende a última vez que se viran medráralles o cabelo, a intensidade da cor dos ollos e maila cantidade de chaves no peto. tamén lles medrara o amor , a un polo outro e ao outro o propio. aínda así deron en que daba igual o xeito, que o importante era camiñar, saber que os pés os levaran alí, remando, ata aquela illa. mentres conversaban sen pronunciar envolveunos a incerteza do futuro non escrito. se cadra, non albiscarse, fora o mellor sabedores de estar ancorados no seu propio imaxinario. sen necesidade de propostas formais, mirándose cos ollos da alma, deron en comezar a bailar. foi así, a través das pegadas, que lle deron forma e senso a aquel andar estraño.

miércoles, 18 de octubre de 2006

ver

sóbrame o abrazo ao mapa dos ceos
agora sento ante os astros, co poder na boca e as pedras na lingua
e non podo mirar aí (ondesempre)
sabendo que o que dis de min vai de fóra cara dentro,
deglutes.
xa nunca nunca e mais aínda

hai quen di que.

e eu penso en cambio.

un pecado por un bico,
xogamos aos días perdidos?

'Moito miras para min,
mira que perdes o tempo'
'Palabra de casamento', Canción popular

miércoles, 4 de octubre de 2006

RM


nunca rematarás de entender como che provocou ese tacto de ausencia.
hoxe as verbas non ditas escaváronche na alma cunha broca do 15 de abril
-non mires aí, respira, só é unha eclipse-
da asfixia, cansácheste de beber salgado. perigo. xa non usas glicerina para lavar os ollos.

todo en ti foi imantado

miércoles, 30 de agosto de 2006

xerais da lingua


descalzar:

v.t. Saca-lo calzado a [alguén]. ¡Non quererás que te descalce eu!
Tamén v.p. Doíanlle os pés e descalzouse.
ANT. calzar(se).
OBS. Ten dous participios: descalzado e descalzo.

busquei en todos os diccionarios. ningún amosa o verdadeiro significado

lunes, 28 de agosto de 2006

bebe


todo líquido lle produce satisfacción entre a posta e o orto.
ulilo, tocalo, velo. mesmo ouriñalo.
‘é coma un pequeno orgasmo’, afirma,
‘pequeno ao cabo do fin.

viernes, 18 de agosto de 2006

presbicia















terei que escavar uns sucos (en cantidade indeterminada).

non sei aínda se a alguén ou nalgures pero comezarei polos ollos. véxoo claro.

extraerei todo o humor vítreo e nos ocos que queden, plantar fabas.

se-me canso, se-me miras (bis: se-me miras), se-me. tes úteros na mirada. o importante é rexenerar.

jueves, 17 de agosto de 2006

porque así me sinto:

tal día coma hoxe, volvo

miércoles, 24 de mayo de 2006

piedade


bícao en barro.
méteo no forno.
conxélao

jueves, 18 de mayo de 2006

M



dende que decidín medrarche no peito (e ti a min no caderno)
mido tódalas distancias cun metro de moscú

[nada máis lonxe que a realidade]

lunes, 10 de abril de 2006

ao axexo

para que a min o osíxeno me pase polo peito preciso pensarte mirándome ao espello, fotografando o baleiro que deixo mentres o can vixía se alguén anda ao axexo dende o ollo da pechadura da porta deste vello armario do faiado. se o animal bota fóra a lingua acaríñalo coa miña man esquerda e coa túa dereita mantés o obxectivo fixo. o teu ollo atravesa o visor.
se me xuras que disparas, reencárnome para que me vexas.

martes, 4 de abril de 2006

daedalo




armei este ascensor para ti,
que estás sempre cos pés na terra
incluso cando viaxas en avión.

tómame da á. voa comigo.

lunes, 3 de abril de 2006

así na terra


coma no ceo, aló arriba semellaba que só estaba permitido pensar nos demais. a memoria, dende alí, dirixíase sempre ao mesmo punto: abaixo. ninguén viaxaba só, ao seu abeiro acompañábaos unha ausencia. cadaquén, de introspección. as palabras non saían, non podían ser artelladas e, sen embargo, fíxate ti, naquela ascención aos ceos non medraba o silencio. esfarelábase...

miércoles, 29 de marzo de 2006

elle

anoitece unha maña de decembro e bota polas contras para acentuar o escuro. é un sábado de inverno dun ano que comeza por dousmil. mergullada no sal e o aceite de oliva virxe oe unha voz que lle berra dende a cociña:

-fágoche de vivir?

cos beizos duros do medo sentencia que lle pasou a fame

viernes, 24 de marzo de 2006

...abarcas...



quixera saber quen che expediu a licenza para pescar en radas do meu pensamento

só iso

martes, 21 de marzo de 2006

ao mando



por fin podo pousar a man, pensar na túa liscando do peto. podo mirarme por enriba do ombro, reflectirte tres-veces-tres e tocarche algunha canción no cabelo. podo poñer unha saia e provocar que me provoques e nos estrelemos. son quen xa de ir canda ti, en paralelo.
bico o vento, xiro o ceo, viro o rumbo.
e, cando por fin podo facer todo isto, vou e marcho.
'tu mano, eternamente, tu mano'
yolanda. pablo milanés

miércoles, 15 de marzo de 2006

ves dalí


se ti me dis que me deixas eu regáloche un post vermello e un soño.
eis:
-'ese' cadro de dalí
-unha catedral na praia

porque ti me dixeches que ese lugar existe e eu sei que alí podemos vernos a cambio de pechar os ollos.

(cando alguén se vai lonxe da terra, adoita
atacalo unha doenza chamada ‘síndrome do noroeste’.
se che da, que che receiten retorno)

jueves, 9 de marzo de 2006

reflexións sobre os dous

odio facer nada. especialmente sen ti